Este blogue non pretende agrupar todas as respostas – tarefa inconmensurábel, por outra parte – se non aportar chaves e camiños para descubrir.
Trátase de presentar na rede o noso
patrimonio románico, o da comarca de Lemos, para que se coñeza e
nos coñezamos, para que sirva de ponte entre nós e o mundo.
Aínda ningún organismos público
pensou en facer un gran portal web sobre o románico das comarcas da
chamada Ribeira Sacra, e é por iso que nace este blogue, para suplir
(polo menos para a comarca de Lemos) o que os cartos públicos non
fan – aínda que deberan -.
Malia que elaborada de xeito
individual, esta é unha obra colectiva, que se nutre dos traballos
que se publicaron sobre o noso románico, das fotografías de xente
coñecedora dos camiños de Lemos, das aportacións orais de
múltiples persoas... É obra común e pretende que o románico de
Lemos sexa de desfrute común. Aínda está comezando, queda moito
por rematar, está “abocetada” - coma os capiteis do arco faixón
da igrexa de Proendos - mais están postos os alicerces para medrar e
construír sobre a pedra angular.
O románico é unha das sinais de
identidade das comarcas da Ribeira Sacra, polo que ben merecería
unha posta de longo na rede ben mellor ca esta, pero esta é a que
dimos feito, sen axuda pública algunha.
Comezamos pois con esta ventá aberta
ao románico da comarca de Lemos, agardando que as colaboracións
enchan este espazo e contribúan a vivir o noso Patrimonio, que é do
que se trata.
Que o sorriso pícaro do monstro da
igrexa de Pinol garde por moitos anos o noso legado románico!
No hay comentarios:
Publicar un comentario