Virxe co Neno, escultura en madeira da igrexa do Salvador de Ferreira


 En 1975, nunha limpeza con motivo do 800º aniversario da doazón do mosteiro do Divino Salvador de Ferreira ao Císter, atopouse en cachos unha escultura en madeira policromada, dentro dunha ventá da igrexa.

Trátase dunha Virxe sedente co Neno no colo, unha imaxe de María como trono de Deus, datada c. 1200.

O abultamento do pescozo diulle o sobrenome de “Virxe do bocio”.

Aquí podes ver a réplica da imaxe por Ana Sastre.

Algún patrimonio "perdido" de Proendos


Retábulo do s. XVII, Santa María de Proendos (Sober).
No século XX foron moitas as ocasións nas que o patrimonio artístico das igrexas sufriu o abandono e, directamente, o espolio.

Na igrexa de Proendos a memoria popular aínda lembra os estragos que os "amigos do allego" fixeron na súa parroquia; amigos que en moitos casos non andaban moi lonxe.

Cotexando os datos sobre a igrexa de Proendos que aparecen no Inventario Artístico da Provincia de Lugo, tomo V, 1983, (unha reseña de "todas as pezas que puideran ter algún valor" das igrexas lucenses) coas existentes, e conversando con xente da parroquia, atópase, polo menos, a desaparición das seguintes pezas:

- Os anxelotes orixinais que rodeaban a Asunción do retábulo do s. XVII (antes colocado como retábulo maior; dende 2001 situado na nave) foron roubados.

- Unha talla de Santa Ana coa Virxe e o Neno ("interesante" segundo Nicanor Rielo Carballo), do retábulo dereito, foi roubada.

- Unha talla de San Simón, do s. XVII, no retábulo dereito, foi roubada.

- A talla en escaiola de Santa Lucía, do retábulo dereito, non é a orixinal.

Non aparece xa no inventario, pero é lembrado pola veciñanza, a existencia dun Vía Crucis composto por gravados enmarcados.
Desapareceron nos anos 70. O cura recomendara cambialos polos actuais, "máis modernos", que son unhas figuras de escaiola sen valor.

Do catálogo da sancristía, falta un copón de plata da segunda metade do século XVIII de Benito Carballal, plateiro de Ourense.

BIBLIOGRAFÍA

- VALIÑA SAMPEDRO et ALII (1983): Inventario artístico de Lugo y su provincia. Tomo V.
- SÁEZ GONZÁLEZ, MANUELA (2003): La platería en Terra de Lemos.

Igrexa de San Vicenzo de Pombeiro (I: situación e historia)


Pombeiro é unha extensa parroquia de Pantón, con ribeira no Miño e no Sil, atravesada polo regato de Rigueiro. Pena Pombeira domina polo leste o lugar onde se atopa asentada a igrexa e priorato do antigo mosteiro de Pombeiro. 

Pombeiro foi unha zona ben comunicada, situado en zonas de paso dende época romana, a través das barcas do río.  

Portum Palumbarium aparece citado no privilexio que o rei Ordoño II outorga a 12 de outubro de 921 achándose no val de Varoncelle. Neste, concédeselle ao abade Franquilla o lugar de Santo Estevo (… inter portos Senabreca (Xabrega) et Palumbario (Pombeiro)), ruinoso e abandonado dende antigo, para que edifique alí basílica ou mosteiro.

Portum Palumbarium aparece tamén nas actas do II Concilio de Braga (572).

É unha terra de gran riqueza agraria, con magníficas hortas e viñas.

O mosteiro de Pombeiro estivo relacionado coa realeza e gozou do favor dos reis e raíñas de Galicia.

Grupo trobadoresco nos canzorros de Ferreira de Pantón


No lado norte da ábsida da igrexa do mosteiro cisterciense de Ferreira de Pantón, atopamos este singular conxunto trobadoresco.

Trátase de tres canzorros que, segundo Xosé Lois García, conforman un grupo trobadoresco, con trobador (en actitude de escribir unha composición), o xograr, tocando o seu instrumento, e unha soldadeira contorsionándose no baile.

Arpías no capitel da ventá sur da ábsida, Lobios


No capitel á nosa dereita da ventá sur da ábsida de Lobios (hoxe no interior, pola anexión da sancristía) atopamos sumidas nunha solución plástica aplicada durante o século XX dúas figuras de arpías.

As arpías son seres malignos na mitoloxía grega, con cabeza e busto de muller, corpo de ave e rabo de serpe ou escorpión. Son demos das tempestades, que corrompen o que tocan e despiden un olor nauseabundo. Ademais, transportaban ao Hades as almas que conseguían raptar.

No románico son moi numerosas e poden simbolizar o mundo das tebras e as forzas malignas, as baixas pasións ou o remordemento por ter cometido vicios. Son seres que corrompen as almas, seres do mal, que soen situarse no exterior dos templos, como neste caso.


BIBLIOGRAFÍA

- HERRERO MARCOS, JESÚS (2010): Bestiario románico de España. Ed. Cálamo.

- GARCÍA, XOSÉ LOIS (2008): Simboloxía do Románico de Sober. Xunta de Galicia.


Igrexa de Santa María de Amandi.

Pía medieval de Amandi (foto: Tino Vila)
Igrexa parroquial, lugar dun antigo mosteiro masculino do que non quedan restros.

A igrexa e freguesía de Amandi xa aparecen nos primeiros documentos galegos dos séculos VIII e IX. Cara mediados do século IX tense noticia do "Monasterium Sanctae Mariae de Amandi in territorio verossimo prove rivulo Sile" (Mosteiro de Santa María de Amandi en terras de Brosmos, inmediatas ao río Sil, segundo Eligio Rivas). Nunha doazón de Afonso II da Igrexa de Amandi a Lugo do ano 841 refírese a destrución do mosteiro de Amandi polos ismaelitas, sendo logo reconstruído por este rei.

"in territorio Verosimo, prope rivulo Sile, iuxta Castrum vocitatum Francos, aliud monasterium ab antiquo dictum S. Mariae de Amandi, quod peccato impediente destructum est ab hismaelitis et a me reedificatum"

Portada oeste de Amandi.
De época medieval quedan vestixios nas marcas de canteiro das paredes, na pía bautismal e na portada occidental de arco apuntado, que se pode considerar refeita con elementos románicos.
A parte superior da pía, decorada con trece arcos, un deles superior aos outros, sería símbolo dos doce apóstolos e Cristo, segundo Xosé Lois García.


BIBLIOGRAFÍA

- RIVAS QUINTAS, ELIGIO (1993): "Topónimos no suroeste de Lugo. Escrituras dos mosteiros". En LVCENSIA nº 7.
- GARCÍA, XOSÉ LOIS (2008): Simboloxía do Románico de Sober. Xunta de Galicia.

Pinturas murais do piar norte da igrexa de Pombeiro

- Santa Ana trinitaria: cara norte do piar norte.

Santa Ana Trinitaria.

Tres xeracións nunha imaxe: Santa Ana, mai da Virxe María, acóllea no seu colo mentras esta acolle á súa vez a Xesús. As tres figuras aparecen nimbadas e Santa Ana repousa sobre un trono.
Na parte inferior, ao pé da imaxe, aparece unha figura de donante.

- Natividade: cara este do piar norte.

Natividade.
Segundo Alicia Suárez Ferrín, sigue a descrición de Santa Bríxida de Suecia (do s. XIV). O neno luminoso (motivo baixo-medieval), como deus que é, bendice a actitude de María, mentras San Xosé permanece en segundo plano baixo un rústico portal.

- Calvario: cara oeste do piar norte.

Calvario.
San Xoán e a Virxe María ante Cristo morto na cruz, do que catro anxos recollen o sangue que mana das súas chagas.
Como curiosidade, o Sol e a Lúa aparecen personificados a ambos os lados da cruz.

- Trinidade: cara sur do piar norte.

Trinidade.
O Pai Eterno está coroado cunha triple tiara papal.
 
As pinturas murais da igrexa de San Vicenzo de Pombeiro son un magnífico conxunto de gran valor iconográfico e histórico.
Para saber máis sobre as pinturas de Pombeiro, consulta o traballo de Alicia Suárez Ferrín aquí.