Mostrando entradas con la etiqueta sober. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta sober. Mostrar todas las entradas

Igrexa de Santa María de Amandi.

Pía medieval de Amandi (foto: Tino Vila)
Igrexa parroquial, lugar dun antigo mosteiro masculino do que non quedan restros.

A igrexa e freguesía de Amandi xa aparecen nos primeiros documentos galegos dos séculos VIII e IX. Cara mediados do século IX tense noticia do "Monasterium Sanctae Mariae de Amandi in territorio verossimo prove rivulo Sile" (Mosteiro de Santa María de Amandi en terras de Brosmos, inmediatas ao río Sil, segundo Eligio Rivas). Nunha doazón de Afonso II da Igrexa de Amandi a Lugo do ano 841 refírese a destrución do mosteiro de Amandi polos ismaelitas, sendo logo reconstruído por este rei.

"in territorio Verosimo, prope rivulo Sile, iuxta Castrum vocitatum Francos, aliud monasterium ab antiquo dictum S. Mariae de Amandi, quod peccato impediente destructum est ab hismaelitis et a me reedificatum"

Portada oeste de Amandi.
De época medieval quedan vestixios nas marcas de canteiro das paredes, na pía bautismal e na portada occidental de arco apuntado, que se pode considerar refeita con elementos románicos.
A parte superior da pía, decorada con trece arcos, un deles superior aos outros, sería símbolo dos doce apóstolos e Cristo, segundo Xosé Lois García.


BIBLIOGRAFÍA

- RIVAS QUINTAS, ELIGIO (1993): "Topónimos no suroeste de Lugo. Escrituras dos mosteiros". En LVCENSIA nº 7.
- GARCÍA, XOSÉ LOIS (2008): Simboloxía do Románico de Sober. Xunta de Galicia.

Igrexa de San Vicenzo de Pinol.


* Século XIII.
* Fábrica románica completa, salvo espadaña, escaleiras e dependencias anexas.
* Planta de cruz latina e ábsida rectangular.
* A Casa de Lemos tiña o beneficio parroquial.



* Fotos de Alfonso Campos Pérez.

Igrexa de Santa María de Bolmente.



* Santa María.
* Século XVIII (edificada sobre unha igrexa románica anterior).
* Restos románicos: cinco canzorros lisos no alzado sur da cabeceira, unha saeteira na cabeceira (hoxe tapiada) e o arco triunfal.

Edificio reconstruído no século XVIII (na fachada aparece a data de 1789) sobre unha edificación románica anterior.
O fraile Austerigo doouna no ano 876 ao mosteiro de Santa Cristina do Sil. 

Igrexa de sillería granítica, de planta basilical de 3 naves, con teito de madeira, tellada, a dúas augas, espadana no frontis, cun rosetón, e pórtico que cubre toda a fachada.
Consta de 3 portas de entrada; a central de medio punto, abucinada, con ornamentación radial no tímpano. 


O presbiterio está cuberto por bóveda de crucería, que conserva restos de pinturas murais do século XVIII, coa estrela de Salomón na clave.

Igrexa de San Pedro de Canaval.


* San Pedro.
* Século XII (restaurada no século XVIII).
* Foi bailía templaria no século XIII.
* Restos románicos: portada.

En 1115 Munio Romariz dona ó mosteiro de San Pedro de Valverde (en Monforte) a igrexa de San Pedro de Canabales, que recibira da raíña dona Urraca (1107 - 1126) en premio aos seus servizos. No século XIII a igrexa é unha bailía da Orde do Temple ata a extinción desta en 1312. A igrexa de Vilaescura era anexa desta bailía de Canaval. 
A finais do século XIV, Pedro de Lemos dona esta igrexa ao seu vasalo Ares Rodríguez dos Castillós.
Foi restaurada no s. XVIII, momento no que se engadiu a espadana.

Igrexa en sillería granítica de planta e cabeceira rectangulares, cubertas de madeira, telladas, a dúas e catro augas. O arco triunfal, de medio punto, é de gran amplitude. A cabeceira está orientada ao NE.


A portada é o único resto románico de Canaval. Con arco de medio punto, de tímpano liso, e tres arquivoltas de sección rectangular, a exterior decorada con cabezas de cravo.
As dúas arquivoltas interiores apoian en columnas sinxelas, de fuste liso, con capiteis cúbicos sen decoración.


No interior, conserva unha gran pía bautismal de granito de época medieval, con diversas figuras en relevo, entre as que destaca un cabaleiro da Orde de Malta.

Igrexa de Santa María de Proendos.

Foto: Alfonso Campos Pérez.
* Século XII.
* Só conserva de época románica a ábsida (rectangular) e canzorros lisos no exterior.
* Sancristía do s. XVI.
* Nave e pórtico do s. XVIII.
* Conserva pinturas murais do século XVI (aquí).


Columna de mármore, posibelmente do asentamento romano.

Igrexa de San Xullán de Lobios.

* San Xullán.
* Século XIII.
* Foi mosteiro feminino.
* Restos románicos: fábrica completa, agás sancristía e espadana.


Cítase como Lovios no testamento maior do bispo Odoario (s. VIII) como límite do territorio da igrexa de Amandi. Foi mosteiro feminino, San Salvador de Lobios, posibelmente a rama feminina do mosteiro de Amandi. 
En 1504, confírmase a súa unión ao de San Paio de Antealtares en 1506, con outros mosteiros bieitos galegos, non sen resistencia da súa última abadesa, Constanza Vázquez de Somoza, que foi unha das abadesas galegas que se resistiu á reforma e a ser trasladada a Santiago. Logo da unión definitiva (1516), Constanza continuou eludindo a obriga de residir en Santiago, e puido ser abadesa de Chouzán (no Miño) até, canto menos, 1530. 

Planta de San Xullán de Lobios.
Igrexa románica en sillería granítica, moi regular, de planta rectangular, cuberta de madeira, tellada, a dúas augas, e ábsida rectangular, cuberta por bóveda de crucería, no primeiro tramo, e bóveda de canón na cabeceira; a espadana é de 1806. No exterior, dous contrafortes dividen o alzado norte da nave en tres entrepanos.

FACHADA OCCIDENTAL
Con portada abucinada apuntada, sen tímpano, construída nun taboleiro saínte, que acentúa o seu abucinamento, con catro arquivoltas decoradas con rosetas e bolas que descansan en xambas con mochetas e tres columnas de fuste monolítico, basas tóricas, plintos e imposta lisos.

Fachada occidental de Lobios.

Capiteis da portada decorados a base de motivos vexetais: videiras e palmeiras. 
A arquivolta interior está decorada con flores moi estilizadas de catro follas. A segunda e terceira arcadas conteñen series de tres esferas agrupadas, símbolo da Trinidade.

Capiteis na porta occidental de Lobios.
A arquivolta maior foi decorada con “cabezas de cravo” en forma de rosas de catro follas, símbolo das virtudes de María, e bordeada por unha moldura.

Ventá bífora na fachada de Lobios.
Na parte superior da fachada sitúase unha ventá de dous vanos, moi apuntada, con decoración de bolas no parteluz e un pequeno vano calado, cun motivo treboado, na parte superior, rodeado de trece bolas - símbolo de Cristo e os doce apóstolos -, flanqueado por dúas vieiras, símbolo estas da fecundidade e da resurrección.

Porta norte de Lobios.
PORTA NORTE 
Porta tapiada - posibelmente a que dise acceso ao cenobio - de arco de medio punto apuntado, con dúas arquivoltas; a interior con rosas cuadrifolias, símbolo de María, descansa sobre as xambas; a exterior, de losanges - símbolo da vulva feminina, da procreación e a xerminación - e rosetas cuadrifolias máis pequenas, apoia nas columnas. Unha moldura de billetes recorre a arquivolta exterior.
Os capiteis son fitomórficos, similares aos da fachada occidental, de palmeiras. No centro do que está á nosa dereita hai unha flor de lis, símbolo de pureza.


Fachada sur de Lobios.
Porta sur de Lobios.

PORTA SUR
A porta da fachada sur está, coma a da fachada occidental, inscrita nun taboleiro saínte, moi abucinada, con arco de medio punto apuntado, sen tímpano, de catro arquivoltas decoradas con rosetas e bolas nas concavidades do arco, sostidas por mochetas e tres columnas a cada lado; columnas de fuste monolítico apoiadas en plintos lisos.
De fóra a dentro, no lado dereiro, temos os capiteis de San Miguel loitando co dragón, un capitel con follas de palmeira, un dragón devorando a outro máis pequeno.
De fóra a dentro, no lado esquerdo, un capitel con dous centauros, un capitel fitomórfico e outro con dúas aves que sosteñen no seu pico unha esfera. 

Capiteis do lado dereito da porta sur de Lobios.
Capitel da porta sur de Lobios.
Interior da igrexa de Lobios.
INTERIOR
Arco triunfal apuntado, con rosas de catro follas esculpidas na arquivolta marior.
O presbiterio, rectangular, divídese en dous tramos, o anterior con bóveda de crucería e o posterior con bóveda de canón.
O arco triunfal e o arco faixón que divide os tramos da bóveda da ábsida descansan sobre capiteis fitomórficos - con motivos de videiras e palmeiras - de columnas aparelladas (compostas por varios tambores).
Os plementos da bóveda de crucería do primeiro tramo da ábsida, que converxen no centro nunha clave onde hai esculpido un círculo estriado (o sol en rotación, segundo Xosé Lois García), descansan en ménsulas adosadas aos capiteis das columnas que teñen esculpidas as catro figuras do tetramorfos. Este tetramorfos é moi orixinal pola súa inxenuidade e tosquedade: o boi é case vaca do país con cornos, o león e unha especie de can con cornos de carneiro, a águia é semellante a un boitre.

 

No muro norte, no interior, conserva pinturas murais do s. XV e XVI moi deterioradas.


* Todas as fotos son de Alfonso Campos Pérez.

vid sección: BIBLIOGRAFÍA