Igrexa de San Xullán de Lobios.

* San Xullán.
* Século XIII.
* Foi mosteiro feminino.
* Restos románicos: fábrica completa, agás sancristía e espadana.


Cítase como Lovios no testamento maior do bispo Odoario (s. VIII) como límite do territorio da igrexa de Amandi. Foi mosteiro feminino, San Salvador de Lobios, posibelmente a rama feminina do mosteiro de Amandi. 
En 1504, confírmase a súa unión ao de San Paio de Antealtares en 1506, con outros mosteiros bieitos galegos, non sen resistencia da súa última abadesa, Constanza Vázquez de Somoza, que foi unha das abadesas galegas que se resistiu á reforma e a ser trasladada a Santiago. Logo da unión definitiva (1516), Constanza continuou eludindo a obriga de residir en Santiago, e puido ser abadesa de Chouzán (no Miño) até, canto menos, 1530. 

Planta de San Xullán de Lobios.
Igrexa románica en sillería granítica, moi regular, de planta rectangular, cuberta de madeira, tellada, a dúas augas, e ábsida rectangular, cuberta por bóveda de crucería, no primeiro tramo, e bóveda de canón na cabeceira; a espadana é de 1806. No exterior, dous contrafortes dividen o alzado norte da nave en tres entrepanos.

FACHADA OCCIDENTAL
Con portada abucinada apuntada, sen tímpano, construída nun taboleiro saínte, que acentúa o seu abucinamento, con catro arquivoltas decoradas con rosetas e bolas que descansan en xambas con mochetas e tres columnas de fuste monolítico, basas tóricas, plintos e imposta lisos.

Fachada occidental de Lobios.

Capiteis da portada decorados a base de motivos vexetais: videiras e palmeiras. 
A arquivolta interior está decorada con flores moi estilizadas de catro follas. A segunda e terceira arcadas conteñen series de tres esferas agrupadas, símbolo da Trinidade.

Capiteis na porta occidental de Lobios.
A arquivolta maior foi decorada con “cabezas de cravo” en forma de rosas de catro follas, símbolo das virtudes de María, e bordeada por unha moldura.

Ventá bífora na fachada de Lobios.
Na parte superior da fachada sitúase unha ventá de dous vanos, moi apuntada, con decoración de bolas no parteluz e un pequeno vano calado, cun motivo treboado, na parte superior, rodeado de trece bolas - símbolo de Cristo e os doce apóstolos -, flanqueado por dúas vieiras, símbolo estas da fecundidade e da resurrección.

Porta norte de Lobios.
PORTA NORTE 
Porta tapiada - posibelmente a que dise acceso ao cenobio - de arco de medio punto apuntado, con dúas arquivoltas; a interior con rosas cuadrifolias, símbolo de María, descansa sobre as xambas; a exterior, de losanges - símbolo da vulva feminina, da procreación e a xerminación - e rosetas cuadrifolias máis pequenas, apoia nas columnas. Unha moldura de billetes recorre a arquivolta exterior.
Os capiteis son fitomórficos, similares aos da fachada occidental, de palmeiras. No centro do que está á nosa dereita hai unha flor de lis, símbolo de pureza.


Fachada sur de Lobios.
Porta sur de Lobios.

PORTA SUR
A porta da fachada sur está, coma a da fachada occidental, inscrita nun taboleiro saínte, moi abucinada, con arco de medio punto apuntado, sen tímpano, de catro arquivoltas decoradas con rosetas e bolas nas concavidades do arco, sostidas por mochetas e tres columnas a cada lado; columnas de fuste monolítico apoiadas en plintos lisos.
De fóra a dentro, no lado dereiro, temos os capiteis de San Miguel loitando co dragón, un capitel con follas de palmeira, un dragón devorando a outro máis pequeno.
De fóra a dentro, no lado esquerdo, un capitel con dous centauros, un capitel fitomórfico e outro con dúas aves que sosteñen no seu pico unha esfera. 

Capiteis do lado dereito da porta sur de Lobios.
Capitel da porta sur de Lobios.
Interior da igrexa de Lobios.
INTERIOR
Arco triunfal apuntado, con rosas de catro follas esculpidas na arquivolta marior.
O presbiterio, rectangular, divídese en dous tramos, o anterior con bóveda de crucería e o posterior con bóveda de canón.
O arco triunfal e o arco faixón que divide os tramos da bóveda da ábsida descansan sobre capiteis fitomórficos - con motivos de videiras e palmeiras - de columnas aparelladas (compostas por varios tambores).
Os plementos da bóveda de crucería do primeiro tramo da ábsida, que converxen no centro nunha clave onde hai esculpido un círculo estriado (o sol en rotación, segundo Xosé Lois García), descansan en ménsulas adosadas aos capiteis das columnas que teñen esculpidas as catro figuras do tetramorfos. Este tetramorfos é moi orixinal pola súa inxenuidade e tosquedade: o boi é case vaca do país con cornos, o león e unha especie de can con cornos de carneiro, a águia é semellante a un boitre.

 

No muro norte, no interior, conserva pinturas murais do s. XV e XVI moi deterioradas.


* Todas as fotos son de Alfonso Campos Pérez.

vid sección: BIBLIOGRAFÍA

No hay comentarios:

Publicar un comentario