O ROMÁNICO

Igrexa de Seteventos, O Saviñao.

A QUE CHAMAMOS ROMÁNICO?

Románico é un concepto empregado no século XIX para definir un estilo arquitectónico que se asemella ás formas constructivas romanas polo emprego da bóveda e pola súa austeridade. Podemos definir o Románico coma un estilo artístico que abranxe a arquitectura, a pintura, a escultura e outras artes, que se desenvolve no occidente cristián europeo entre os séculos XI e XII, prolongándose, nalgunhas rexións, coma Galicia, durante o século XIII.
Esta é unha arte fundamentalmente relixiosa; as súas manifestacións principais son en forma de igrexas e mosteiros, no eido da arquitectura, escultura arquitectónica dos edificios relixiosos, esculturas exentas de Cristo e da Virxe, pintura mural das igrexas, e outras artes do obxecto relacionadas co culto: relicarios, frontais do altar… É, polo tanto, unha arte funcional ao servizo da Igrexa.

O TEMPO DO ROMÁNICO: A EXPANSIÓN EUROPEA DO ANO 1000

O nacemento do Románico, no século XI, prodúcese nun momento de reforma relixiosa, destinada a fortalecer a estructura xerárquica  da Igrexa e o control desta sobre a sociedade (xeneralización do cobro do dezmo, auxe do monacato), e de expansión económica da Europa feudal, co incremento da produción agraria e o conseguinte aumento demográfico e o rexurdir das cidades e o comercio, xa no século XII.

O ROMÁNICO DE LEMOS: FROITO DUN TEMPO DE PROSPERIDADE ECONÓMICA

Monforte, cabeceira da comarca de Lemos, é unha das cidades máis importantes da Galicia medieval.
Na Idade Media a chamada Ribeira Sacra era unha paisaxe moi agraria (froita, viñedo, oliveiras...), na que se daban unhas condicións climáticas e xeolóxicas (zonas graníticas) moi favorables para o cultivo da vide. Este potencial vitivinícola é orixe de gorentosas rendas para os mosteiros da zona, que posúen un gran volume documental sobre o viñedo. O viño era o produto máis rentable na época pleno e altomedieval galega e son precisamente os mosteiros os grandes posuidores de viñedo.
Viñedo e arte románica van unidas na comarca de Lemos; o documento escrito máis antigo sobre a existencia de viñedo en Galicia, do ano 816, refírese ao mosteiro de Atán, en Pantón.