Igrexa de Santo Estevo de Atán.

 
Atán é parroquia de viño.
 
Situada nunha zona propicia para o cultivo, ben soleada, na marxe esquerda do Miño, foi tradicionalmente afamada polos seus caldos: “en Atán o mellor viño, está nas ribeiras do Miño”.
Aínda hoxe o viñedo é cultivo moi presente en Atán, xunto cos castiñeiros que, unidos á importancia da pesca (aínda se conserva o microtopónimo “Pesqueiras”, un dos lugares da parroquia), serían os principais recursos da parroquia en época medieval e moderna.

Foi do antigo mosteiro situado neste lugar de Atán de ónde saiu o primeiro documento escrito que conservamos sobre viñedo en Galicia, datado no ano 816.

Nesta parroquia atopouse unha estela funeraria romana (s. I – II d. C.) que se conserva no Museo Provincial de Lugo (ver aquí).

A fundación deste mosteiro de Atán atribúese a Odoario, bispo de Lugo, no s. VIII: “in ripa minei... monasterium sancti stephani vallis athanae”, sinala (supostamente) sobre o mosteiro do que di que fundou xunto coa súa familia, edificándoo “dende os cimentos”.

A historia do mosteiro está ligada á igrexa de Lugo, dende que fora cedido a esta, supostamente, por Afonso II no s. IX. O campesiñado de Atán foi foreiro da catedral de Lugo, a quen no século XV debían pagar en especie, entre as que se incluía o viño. O propio bispado tivo no s. XVI adegas aforadas en Atán, ademais de terreos con castiñeiros, laureis e liñares, conservando aínda no s. XVIII lagar e adega.
O bispo de Lugo tiña a xurisdicción espiritual, civil e criminal sobre Atán, salvo no lugar de Pesqueiras, que sempre estivo no couto de Pombeiro.


Atán é “un exemplo de igrexa que non é o que parece”, como titulan expertos do CSIC un artigo no que estudan os paramentos desta igrexa (que se pode consultar en liña aquí). Seguindo este traballo, non se atopan restos construtivos pre-rrománicos en Atán; de habelos, estarían soterrados. Os elementos máis antigos da construción son a torre e a parede sur (datados nos s. XII-XIII), realizados en mampostería, que mesmo poderían ter sido parte dun edificio distinto a unha igrexa ou mosteiro.
A igrexa tal e como a coñecemos sería froito dunha construción tardomedieval ou moderna, que aproveitou material pre-existente, realizando algún modillón e capitel a maiores. Finalmente, a finais do s. XVIII adosouse unha sancristía e a mediados do XIX a casa reitoral, ambas anexas ao muro sur, que provocaron a remoción da torre primitiva; elementos que foron retirados do mur sur na última restauración.

A igrexa actual é de nave única, con teito de madeira a dúas augas, e cabeceira cuadrangular con bóveda de canón, en sillería granítica.

A decoración escultórica de Atán é moi variada e simbólica. As portadas presentan arcos apuntados propios do románico tardío. 

Portada oeste.
Da portada oeste, destaca o segundo capitel do lado dereito (mirando cara a porta), que representa o pecado de Adán e Eva, a vergona que sinten de saberse espidos tras ter comido da árbore do Paraíso, que se representa no centro do capitel. No tímpano consérvanse restos dunha inscrición.

Detalle do capitel de Adán e Eva.

Porta do lado norte.
Un dos canzorros de Atán (no muro sur), interpretado coma un bebedor de viño (por semellar zugar líquido dunha cuba), foi catalogado recentemente por Pablo Carpintero como músico do “dolium”, instrumento medieval.

Consérvase encastrada no paramento unha ventá bífora de época prerrománica, así como pezas de pedra calada a modo de celosías que serían cruces cumiais, de época románica.

Ventá prerrománica de Atán.

Consérvanse pinturas murais dos s. XV e XVI.

O altar maior, barroco, de 1790, foi retirado do presbiterio.

Foi declarada “monumento nacional” en 1975.

BIBLIOGRAFÍA E RECURSOS

- RUÍZ ALDEREGUÍA, FRANCISCO JOSÉ (2011): Cuaderno del Románico de la Ribeira Sacra. Ediciones La Rectoral.
- RIELO CARBALLO, ISAAC (2000): Pantón. Historia e Fidalguía. Editorial Compostela.
- GARCÍA, XOSÉ LOIS (1ª edición 1999, 2ª edición 2014): Simboloxía do Románico de Pantón. Xunta de Galicia, Concello de Pantón.

No hay comentarios:

Publicar un comentario