Algún patrimonio "perdido" de Proendos


Retábulo do s. XVII, Santa María de Proendos (Sober).
No século XX foron moitas as ocasións nas que o patrimonio artístico das igrexas sufriu o abandono e, directamente, o espolio.

Na igrexa de Proendos a memoria popular aínda lembra os estragos que os "amigos do allego" fixeron na súa parroquia; amigos que en moitos casos non andaban moi lonxe.

Cotexando os datos sobre a igrexa de Proendos que aparecen no Inventario Artístico da Provincia de Lugo, tomo V, 1983, (unha reseña de "todas as pezas que puideran ter algún valor" das igrexas lucenses) coas existentes, e conversando con xente da parroquia, atópase, polo menos, a desaparición das seguintes pezas:

- Os anxelotes orixinais que rodeaban a Asunción do retábulo do s. XVII (antes colocado como retábulo maior; dende 2001 situado na nave) foron roubados.

- Unha talla de Santa Ana coa Virxe e o Neno ("interesante" segundo Nicanor Rielo Carballo), do retábulo dereito, foi roubada.

- Unha talla de San Simón, do s. XVII, no retábulo dereito, foi roubada.

- A talla en escaiola de Santa Lucía, do retábulo dereito, non é a orixinal.

Non aparece xa no inventario, pero é lembrado pola veciñanza, a existencia dun Vía Crucis composto por gravados enmarcados.
Desapareceron nos anos 70. O cura recomendara cambialos polos actuais, "máis modernos", que son unhas figuras de escaiola sen valor.

Do catálogo da sancristía, falta un copón de plata da segunda metade do século XVIII de Benito Carballal, plateiro de Ourense.

BIBLIOGRAFÍA

- VALIÑA SAMPEDRO et ALII (1983): Inventario artístico de Lugo y su provincia. Tomo V.
- SÁEZ GONZÁLEZ, MANUELA (2003): La platería en Terra de Lemos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario